Historia da sección deportiva

Xa antes de 1967, no ámbito deportivo, aínda que o Círculo de Perlío non tiña unha sección deportiva integrada no conxunto da sociedade, contaba cunha comisión dedicada a fomentar o balonmán e outros deportes de pista.

A xunta xestora dirixida por D. Antón Rivera Seco decidiu comprar os terreos do campo da festa o 1 de xaneiro de 1962. (Hoxe pistas de tenis, pista deportiva e recreativa).

En xullo de 1964 comezaron as xestións para a construción dun edificio destinado a local social.

O día 30 de setembro de 1965 elaboráronse as dúas primeiras tarxetas de socios. A sociedade deportiva creouse no ano 1967 e comezouse a construír o campo de fútbol de «Os Pinares», que se rematou en 1970.

Na tempada 1968/1969 federouse o equipo de fútbol. O campo da Ribera do Ramo (Barallobre) foi utilizado polo equipo para competir na liga dos modestos da ría de Ferrol, mentres non se remataba de facer o propio campo de «Os Pinares».

O 21 de decembro de 1969 inaugurouse o edificio do local social do Círculo Cultural, Recreativo e Deportivo da Vila de Perlío.

No ano 1974 celebrouse o primeiro campionato de xadrez, damas e tenis de mesa. O día 24 de novembro tivo lugar unha exhibición de tenis de mesa.

O 26 de maio de 1974 celebrouse unha Asemblea Xeral extraordinaria de socios, onde se acordou comezar a construción do parque infantil do Círculo de Perlío.

En 1978 púxose en marcha a competición de tenis de mesa. No ano 1980 celebrouse o campionato de tenis de mesa, entre os días 22 de setembro e 30 de outubro. En 1983 realizouse un campionato de chave do 15 ao 30 de xuño e o campionato de tenis de mesa a partir do 4 de xuño.

No ano 1999, inauguráronse as pistas de tenis.